domingo, 21 de dezembro de 2014

Estou moi deprimido
asestou
unha puñada directa ao corazón
e trousou margaritas amarelas
sen compaixón
sen ton nin son
ouveou
e tragou o cuspe para a ocasión
pensou en cuspir máis tarde
cando pasara polo escenario
coa súa traxedia aquela moza da veciñanza
veciñanza virtual
que non satisfacía a onomatopea sacudida
e enarborou setecentos golpes de mala educación
falando coma un paroleiro
subido ao tobogán ao fin mascando
o tabaco de-construído que non fumara para a ocasión
e botouse polo barranco
atrapallado
arelante de estrelas e campañiñas de auga
ao tras luz vénse triángulos esquecidos de bermudas sen lei
translocen olladas ubicuas co don da ubicuidade
olladas silentes panadeiras entrecruzadas
coa luz do sol coa lúa da noite
escuridade parcial arremetida contra o cristal
petulante cantiga que abraia a morfina de onte
protestas no barrio que inician revolucións
con r de rock and roll
alta e clara esa panxoliña iracunda
que soa a escafandro
que desdiche os teus prantos
que roza o infinito ata atrapallalo
e que caro vai o apagamento de luz da hidroeléctrica sulfurosa
demos e pitufos estragados por autocríticas radiais
e bicicletas que non chegan a partir os radios en queixiños planos
cantan nanas nos currunchos asubían
e o cheirume a spray que non refresco
podería ser mortal na imaxinación da deusa menor
pero a depresión continúa
ata avasalar os números curmáns
pintura de a dous agraciando primaveras
grandilocuentes palabras agardando por arxila
que moldee o pan de molde do corpo de cristo de dios
e pisando bandeiras síntome mellor que pisando ovos
nada ten sentido obxectivo mais o subxectivo quizais
tres martelos unha fouce e unha forquita empale abecedarios
e ao chegar ao trece do calendario
rosmou coma chusma proletariat ao servizo de ningunha causa
cousas e efectos partidas de tres menaxes atrás na trastenda
e a merenda xa non a quero disputar…
entre outras outras cousas porque as lavandeiras fan o seu tamaño
dependendo de estrabismos fundacionais dos escaravellos-peixe
dóeme o fígado dóeme a vergoña interior
e case ningún fito é de espantallo vivo
todos temos moito que dicir
pulsións que expulsar peidos que labrar
barrigas que encher cervexa que regar
faladoiros que empregar para amordazar o noso inglés
pluscuamperfectos abetos de compañas infames
mandarinas que caen no albor da tarde
e anarquistas de matriz insolvente
que de náuseas ritmos embelecen os atardeceres
de delicadas doncelas que nunca tornaron tornasoles adobados
de autovía recalcitrantemente exposta a clara de ovo salomé
empantallados os servos dos microchips embalsamados en aceiro
que pululan os morcegos polas tardiñas negras das casas
solemnes acupunturas cansas de varices sen tatuaxes
ramos de rosas e estandartes vixiados por orwell no nadal
padal cromosoma enviuvado ata conquerir as ás reais do pavo morto e frío.

(Publicado em Elipse n.º 1)

Alfonso Rodríguez (Ourense, 1973. Galiza)
Livros publicados: Subir ao faiado (Positivas, 2004), A Porta verde do sétimo andar (livro coletivo, 2007), Azúcar glass (Duendebux, 2009), 18 (libro coletivo, 2011), A cidade na poesía galega do século XXI (livro coletivo, Toxosoutos, 2012) e Versus cianuro. Poemas contra a mina de ouro de Corcoesto (livro coletivo, A. C. Caldeirón, 2013)
Com o pseudónimo de minus bálido: Oremos (livro digital, A Regueifa Plataforma, 2007), assim como diversas colaborações para páginas webs, revistas e fanzines dentro do ámbito artístico, poético e político.
Impulsor junto com a sua compañeira Adriana Pérez da web Expoplanetarium:

Sem comentários:

Enviar um comentário